Unha edición máis, a Asociación Galega da Crítica propón as obras de poesía e narrativa que serán premiadas cos Premios Nacionais da Crítica para na categoría de lingua galega. As obras escollidas nesta edición foron Materia de Yolanda Castaño (Xerais, 2022) e Ninguén queda de Brais Lamela (Euseino?, 2022).
Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) é unha recoñocida poeta en lingua galega. Multitraducida e multipremiada, Castaño desenvolve tamén unha intensa actividade como xestora cultural dirixindo festivais ou ciclos de poesía. Ela mesma é unha notábel recitadora, participante habitual en eventos poéticos por todo o mundo. En 1998 Yolanda Castaño obtivo xa este mesmo premio por Vivimos no ciclo das
erofanías (Espiral Maior).
Entre a reificación da matria e a reivindicación da materialidade, o poemario evolúe desde a reconstrución memorial dunha xenealoxía familiar (avó canteiro, avoa costureira, pai mariño, nai, irmá…) á explicación argumentada e reivindicativa ao tempo do dereito a renunciar conscientemente á maternidade. Ambos planos poéticos conflúen finalmente na conversación que a voz poética mantén, a modo de peche ou despedida, coa filla que nunca vai a buscar pero tamén nunha sorte de rendición de contas entre pasado e futuro.
O xurado destacou a potencia material do léxico, a súa forza evocativa e sensorial
ao tempo que a eficacia coa que se explotan as súas posibilidades lúdicas e irónicas. Gabouse tamén a insurrección que no poemario se planta contra un motivo poético de longa tradición na poesía galega, o da casa, á que renuncia ao que ten tamén de prisión. Por último, a contundencia con que se aborda o tema do dereito a non ser madre nun contexto cultural de exaltación e idealización da maternidade debe interpretarse no marco dunha visión feminina e feminista da identidade entendida como a indisociábel unión de corpo e mente.
Pola súa parte, Brais Lamela (Vilalba, 1994) reside actualmente en Estados Unidos onde prepara o seu doutoramento na Universidade de Yale. Ninguén queda é a súa primeira obra literaria publicada.
En 1960, a construción dun encoro nunha aldea galega provocou o traslado dos seus habitantes e o seu asentamento na Terra Cha Luguesa. Desde a Nova York da actualidade, un estudante galego que está a preparar o seu doutoramento empéñase en rastrexar a unha desas persoas, primeiro nos EE.UU. e despois nunhas vacacións en Galicia onde acomete a procura das pegadas daqueles seres invisibilizados pola historia. O que comeza como unha preocupación case académica convértese nun impulso artístico e unha cuestión existencial. Así, a acción desenvólvese en dous mundos moi distantes pero perseguindo en ambos o recordo case invisíbel dunha existencia que constitúe unha interpelación permanente ao protagonista. Cuestións como identidade, memoria, raíces ou desarraigo e encrucillada, a cristalización do tempo no esquecemento e a súa imposíbel reconstrución na memoria están unidos sutilmente nesta historia.
O xurado destacou a frescura da proposta, derivada dunha certa hibrididación discursiva e dunha aparencia de provisionalidade e falta de pretensións que esperta inmediatamente a empatía do público lector. Do mesmo xeito, a capacidade da novela para facernos preguntas existenciais así como a orixinalidade do punto de vista con que trata sobre a vida rural en Galicia, moi afastada dos tratamentos tópicos tan habituais.