A Asociación Galega da Crítica, tras facerse públicos os planos para o desmantelamento e perda de identidade do Diario Cultural da Radio Galega, quere manifestar a súa preocupación pola deriva tomada polo medio público, así como polo papel que parece reservarse, dentro deste, á información cultural. O Diario Cultural representaba o único espazo radiofónico diario dedicado á información do mundo da cultura, un traballo que viña avalado por 28 anos de traxectoria na que a visibilidade de persoas creadoras, da crítica e da axenda cultural galega, brillou sempre pola súa representatividade e por ofrecer unha perspectiva ampla e diversa.

Non perdemos de vista, porén, que o feito de que un eido cultural tan amplo, vivo e dinámico como o galego contase cun único programa destas características nos medios públicos representaba, por si, unha grave anomalía que sería intolerábel en calquera dos nosos contextos veciños. A súa reestruturación, de forma que quede diluído entre a programación diaria, confirma a decidida tendencia de reducir ao mínimo a visibilidade da cultura galega, e supón tamén a virtual destrución da identidade do programa e unha manipulación da súa historia e do seu pasado.

Como asociación orientada á crítica, debemos destacar tamén que esta decisión supón a desaparición dunha tribuna para o noso labor, das poucas que restaban para este no contexto dos medios públicos galegos. Non consideramos que sexa unha casualidade. Unha sociedade acostumada ao pensamento crítico é unha sociedade perigosa, especialmente para aqueles que acreditan que a uniformidade dos discursos é un ideal que poden acadar empregando medios e instrumentos que son de propiedade pública e deberan estar ao servizo de toda a sociedade.

Enviamos o noso decidido apoio a todo o equipo do Diario Cultural e reivindicamos unha xestión dos medios públicos que deixe de instumentalizalos para un programa político determinado e cumpra os fins para os que foron creados, e que non son outros que ofrecer unha información obxectiva e plural, centrada na nosa realidade e constituíndo un apoio para a visibilidade da nosa cultura.

Xunta directiva da Asociación Galega da Crítica