O 27 de setembro de 2020 déronse a coñecer en os títulos que se fixeron co Premio da Crítica 2019, concedido pola Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). Os textos gañadores para a literatura galega foron Feliz Idade de Olga Novo (Faktoría K – Kalandraka) e Carrusel de Berta Dávila (Editorial Galaxia), escollidos e propostos pola Asociación Galega da Crítica.
Nun ano anómalo, marcado polos adiamentos constantes e a necesidade de renunciar a reunións presenciais debido a pandemia, as roldas de votación e o debate tiveron lugar excepcionalmente de forma telemática. A AGC quere agradecer ás persoas asociadas o interese e o esforzo dedicado a participar, un ano máis, e contra todas estas dificultades, na escolla destas obras.
POESÍA
Feliz Idade, Olga Novo (Faktoría K – Kalandraka, 2019)
Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975), dende a década dos 90 forxou unha traxectoria con A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997) e A cousa vermella (2004), que a levou a ser unha das voces máis valoradas da poesía galega actual. Profesora en universidades de Bretaña e institutos de Galicia, investigadora e ensaísta, foi galardoada con múltiples premios, como o da Crítica 2012, que recaeu no seu anterior libro de poesía, Cráter (2011).
Feliz Idade (Kalandraka Editora, 2019) é un poemario extenso cuxo título presenta, nun afortunado xogo retórico, a clave que o vertebra. Adéntrase en temas que hai tempo se tratan recorrentemente na poesía galega arredor da conexión cun mundo que desaparece. A estirpe, a casa e a terra, o relevo cósmico do tempo e o amor como transmisión da vida son motivos abordados por Olga Novo con orixinalidade renovadora. Desde o pasamento do pai á primeira infancia da filla, desde a terra nutricia á cultura letrada e musical, esténdese este canto vital en versos de potente factura, como unha sinfonía grandiosa.
Olivia Rodríguez González
NARRATIVA
Carrusel, Berta Dávila (Galaxia, 2019).
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é unha das autoras novas máis recoñecidas da literatura galega, tanto na lírica como na narrativa. Como poeta publicou Corpo baleiro (Espiral Maior, 2006), Dentro (Fervenza, 2008) e Raíz de fenda (Xerais, 2013). Este último foi merecedor do premio Johán Carballeira, ao que axiña se lle unen o Premio da Crítica Española e o galardón que concede a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Como novelista publicou en 2010 A arte do fracaso (Barbantesa), traducido ao castelán e ao xaponés. Fíxose co Premio Biblos de novela en 2008 por Bailarei sobre a túa tumba e co Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 por O derradeiro libro de Emma Olsen, que en 2020 ve a luz en forma de banda deseñada. Con Carrusel acadou o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros en 2019.
Carrusel acolle a estrutura da autoficción. Unha narradora en primeira persoa tenta aplicar a obxectividade matemática para poñer en orde a súa vida marcada pola morte, pola experiencia como nai, polo asentamento dunha identidade en loita ou polo oficio de escribir. Construírse como persoa xorde en paralelo á construción que desenvolve como artista, tamén á produción da propia novela que se amosa, sen agochos, páxina a páxina. O carrusel representa ben a circularidade dos movementos entre o pasado e o presente, así como dalgunhas constantes que se repiten e que alcanzan o estatuto de obxectos exquisitos. As coleccións, as caixas de música, as mans, os espellos, as fotografías ou as cousas perdidas desvelan a relación peculiar da protagonista co mundo. A linguaxe, coidada e polisémica, paira entre a sinceridade descarnada e a riqueza das imaxes. Conmovedora e dura na exploración de todas as fronteiras, a novela é capaz de conxugar a fondura característica de todas as propostas da autora coa fluidez da lectura.
Inma Otero