Ana Romaní, A desvértebra (Chan da Pólvora, 2020)
Ana Romaní (Noia, 1962) ten unha consolidada traxectoria como poeta, para alén do seu labor noutros eidos culturais. Comeza a publicar a finais dos 80 con Palabra de mar, á que seguirían Das últimas mareas (Espiral Maior, 1994), Arden (Espiral Maior, 1998) ou Estremas (Galaxia, 2010). Destaca tamén no xornalismo polo que se lle concedeu, entre outros galardóns, o Premio Nacional de Xornalismo Cultural en 2018. Participa activamente en numerosos proxectos, revistas e obras colectivas. Desde 2019 é académica da Real Academia Galega.
A desvértebra céntrase nun mundo corrupto, en descomposición. Para alén da crítica sistémica, estrutural, o imaxinario do libro amosa a materialidade da natureza putrefacta. O vexetal únese á carnalidade, tamén a humana, para presentar os corpos abertos á devastación aparente da morte. Os liques, os fungos ou a couza son outra vida que fermenta na escuridade e presaxia un novo estadio. Á parte da lectura na procura de contidos que casan ben cunha lúcida análise social, a obra ofrece un universo lírico que se manifesta de maneira impactante, descarnado e cunha gran coherencia estética.
Inma López Silva, O libro da filla (Galaxia, 2020)
Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978), doutora en Filoloxía Galega, profesora na Escola Superior de Arte Dramática, tradutora e investigadora no eido teatral, destaca como autora de ficción dentro do xénero narrativo. Comeza a publicar moi nova e é unha das autorías máis recoñecidas do novo milenio. Consegue os principais galardóns, como o Premio Xerais con Concubinas (Xerais, 2002) ou o Premio Blanco Amor con Memoria das cidades sen luz (Galaxia, 2008). Outras das súas novelas máis representativas son Non quero ser Doris Day (Biblos, 2006), New York, New York (Galaxia, 2007) ou Aqueles días en que eramos malas (Galaxia, 2006), ao que se lle suman os libros de relatos Rosas, corvos e cancións (Galaxia, 2000) ou Tinta (Galaxia, 2012).
O libro da filla presenta unha visión desacougante da vida familiar e dunha sociedade que normaliza a propagación fulgurante da extrema dereita. Fundamentalmente a través das voces de dúas mulleres, unha xornalista brillante que está a pescudar na realidade dun maltratador, por unha banda, e a súa propia filla que decidiu separase dela na adolescencia, desvélanse as farsas sobre as que se construíron as súas vidas, aparentemente normais, burguesas, mesmo exitosas. Óptase na novela por un discurso tremendista que non deixa indiferente á persoa que le e que a impele a indagar na crueldade imperante que, por exceso de maquillaxe e polo hábito da hipocrisía, chega a pasar desapercibida. A forza da novela remove, marea como unha contusión inesperada.
Inma Otero