(orxinalmente publicado o 2 DECEMBRO, 2015 en agcritica.blogaliza.org)

Os días 27 e 28 de novembro, a Asociación Galega da Crítica celebrou, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, o Simposio Crítica e medios de comunicación . 
O encontro abriuse coa conferencia “Materia escura. Todo o que nunca quixeches saber sobre a crítica”, a cargo de Camilo Franco. O xornalista abordou algúns dos prexuízos nos que asentan tanto o xornalismo cultural como, sobre todo, a crítica, e recordou que a función desta é interpretar a cultura en canto construción da sociedade.
Ao longo da tarde tiveron lugar ademais dúas mesas redondas. Na primeira delas, “A crítica cultural”, Miguel Anxo Rodríguez, abordou a perda de influencia da crítica de arte tal como se viña entendendo, así como a súa oportunidade nas novas canles dixitais. Isabel Mociño centrouse na crítica da literatura infantil e xuvenil, salientando o seu desenvolvemento e especialización nos últimos anos. Pola súa banda, Alfredo Ferreiro explicou a súa experiencia á fronte da revista dixital Palavracomum, creada baixo un modelo de tribalismo como forma de relación.
Na segunda das mesas, “A crítica en Galicia”, Armando Requeixo incorporou ao debate algunhas preguntas arredor do exercicio da crítica literaria na actualidade, como quen a escribe, para quen, con que condicionantes e onde. Carlos Quiroga denunciou as perversidades dunha crítica concibida como xénero autobiográfico situado entre o druidismo ruidoso e o reseñismo prostibulario. Finalmente, Moncho Lemos cuestionou a morte da crítica de cine tal como se viña entendendo tradicionalmente, debido á súa escasa incidencia no mercado.
A xornada do sábado deu comezo coa mesa “A crítica desde fóra da crítica”, na que Arturo Casas reflexionou sobre o pensamento crítico xerado arredor da autorrepresentación fotográfica. A seguir, Marilar Aleixandre referiuse, desde a perspectiva da autoría, á supresión dalgúns prexuízos ideolóxicos na crítica dos últimos anos, ao tempo que avogou por recuperar as emocións no discurso crítico. A mesa complementouse coa visión do editor Francisco Macías, quen aludiu á escasa incidencia da crítica na produción e na edición de textos.
“A recepción da crítica” centrou a última das mesas, na que Pilar Castro, membro da Asociación de Críticos Literarios Españoles, explicou cuestións relativas ao traballo durante décadas como crítica de narrativa española na prensa escrita. Desde o punto de vista da crítica de artes visuais interviu Natalia Poncela, quen insistiu no esquecemento do carácter dialóxico da crítica e na necesidade de non se perder nunha linguaxe ensimesmada. Por último, Ana Luna referiuse ás particularidades da crítica de tradución, á súa escasa presenza nos medios e ás mudanzas que experimentou nos últimos tempos.
Como peche do simposio, Antón Lopo pronunciou a conferencia “Social ou público?”, onde expuxo, a xeito de crónica, o proceso de aniquilación da cultura galega iniciado hai sete anos, a mudanza cara a un modelo de cultura nova, aínda en construción, e o papel da crítica no momento actual, coa aparición dalgúns discursos innovadores.
A función da crítica, a súa incidencia real no mercado, os seus condicionantes e perversidades, o seu ton moitas veces condescendente e o seu futuro no marco das novas tecnoloxías, foron obxecto de debate ao longo de dúas xornadas frutíferas que serviron, ademais, como punto de encontro entre discursos críticos procedentes de ámbitos diferentes.