21/04/2018

CAMUFLAXE,DE LUPEZ GÓMEZ E BIBLIÓPATAS E FOBÓLOGOS,DE EMMA PEDREIRA, PREMIOS DA CRÍTICA ESPAÑOLA 2017 EN LINGUA GALEGA

O 21 de abril déronse a coñecer en Murcia os títulos que se fixeron co Premio da Crítica 2017 que concede a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). Os textos gañadores para a literatura galega foron Camuflaxede Lupe Gómez (Chan da Pólvora) e Bibliópatas e fobólogosde Emma Pedreira (Galaxia), propostos pola Asociación Galega da Crítica. A resolución das diferentes fases de votacións tivo lugar no seo dunha reunión da AGC o día 6 de abril na Facultade de Filoloxía da USC. 

POESÍA

Lupe Gómez, Camuflaxe,Chan da Pólvora.

Lupe Gómez (Fisteus, 1972) lincenciuse en Ciencias da información pola Universidade de Santiago de Compostela, e desenvolveu a súa labor profesional no eido do xornalismo, colaborando con diferentes medios, e a escrita en diferentes xéneros. Como poeta estréase en 1995 con Pornografía, un poemario autoeditado, para despois desenvolver unha longa traxectoria poética durante os 90 e principios dos 2000 con obras como Os teus dedos na miña braga con regra(1999, Xerais), Poesía fea(2000, Noitarenga), Levantar as tetas(2004, Espiral Maior),Azul e estranxeira(2005, Edicións do Castro), O útero dos cabalos (2005, Espiral Maior) e A grafía dos mapas (2010, Toxosoutos), ata chega a Camuflaxe(2017, Chan da Pólvora)

ConCamuflaxe recoñecese unha obra dunha das voces máis singulares e de extensa traxectoria na poesía galega contemporánea. Sendo este o seu oitavo libro de poesía, Camuflaxesobrevoa a vontade de plantexar un exercicio mimético para identificarse nun entorno no que se constata a desaparición da cultura do mundo rural e a forza do telúrico. Ademais formula unha dicotomía marcada pola presenza e ausencia da figura materna, o que tamén posibilita entender camuflaxe como unha elexía que bebe da memoria individual e comunal.

NARRATIVA

Emma Pedreira, Bibliópatas e fobólogos, Galaxia.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978) é lincenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Coruña. É unha poeta normalmente encadrada na Xeración dos 90, que leva xa publicados unha ducia de poemario, entre os que cabe destacar Casa de orfas (2006, Espiral Maior), Libro das mentiras(2010, Espiral Maior) ou s/t(2015, Edicións Xerais), así como catro libros de narrativa, Bestiario de Silencios (2001, Madame Mir), As cinzas adentras (2004 Biblos Clube de Lectores), Corazón e demais tripas (2016, Edicións Positivas) e o galardoado Bibliópatas e fobólogos (2017, Galaxia)

Bibliópatas e fobólogos constitúese como unha aposta narrativa que envolve o xénero do relato curto para reflexionar, a través de diversas historias, sobre a preseza dos libros e da escrita na vida cotiá. A autora fai uso do humor, un grande enxeño e a ironía para construir verdadeiras metáforas do noso tempo cun extenso e admirable catálogo de recursos literarios, propios dunha autora tan experimentada en diferentes xéneros.

Os premiados en lingua española foron: o poeta Luis Bagué Quílez por ‘Clima mediterráneo’ e  Javier Marías por ‘Berta Isla’ . En lingua catalán foron ‘Convivència d’aigües’ de Zoraida Burgos (poesía) e ‘Els fills de Llacuna Park’  de María Guasch (narrativa). En lengua vasca os ganadores foron  Aingeru Espaltza por ‘Mendi-joak’ e Luis Garde polo libro de poesía ‘Barbaroak baratzean’.