O 6 de abril de 2019 déronse a coñecer en Vilafranca do Bierzo os títulos que se fixeron co Premio da Crítica 2018, concedido pola Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). Os textos gañadores para a literatura galega foron Tempo fósil de Pilar Pallarés (Chan da Pólvora Editora) e Extraordinario de Antón Lopo (Editorial Galaxia), propostos pola Asociación Galega da Crítica. As diferentes roldas de votación e a resolución conseguinte leváronse a cabo o día 21 de marzo, nunha reunión da AGC na Facultade de Filoloxía da USC.

POESÍA

Pilar Pallarés, Tempo fósil (Chan da Pólvora Editora, 2018)

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é image-1.png

Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, e desenvolveu a súa labor profesional como profesora de lingua e literatura galega no ensino secundario. No inicio da súa traxectoria poética colabora en múltiples revistas con estudos de crítica literaria e creación, entre elas, Dorna, Festa da Palabra Silenciada, Grial ou Nordés, e vincúlase ao colectivo poético “De amor e desamor” na década dos 80. Desde o pulso social e íntimo dos primeiros libros, Entre lusco e fusco (Ediciós do Castro, 1980) e Sétima soidade (Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 1984) Premio Esquío de Poesía, consolida unha posición referencial na poesía galega contemporánea co Livro das devoracións (Espiral Maior, 1996), que obtén recoñecementos como o Premio da Crítica Galicia e o da Crítica Española. Tras a publicación de Leopardo son (Espiral Maior, 2011), Tempo fósil (Chan da Pólvora, 2018) é o seu último poemario.

Tempo fósil supón o regreso dunha das poéticas máis recoñecibles da poesía galega contemporánea. Pilar Pallarés explora poeticamente o derrubamento e desaparición da casa familiar por mor da ampliación do aeroporto de Alvedro, e faino amoreando varios estratos temporais e de significado, ademais de tirar un gran rendemento da clásica identificación entre corpo e casa, ou casa e familia. A súa escrita medida e esixente vólvese aquí unha arquitectura de ecos, que incorpora elementos recorrentes na súa obra, como humus, ósos, crisálidas ou felinos, e suma aínda outras marcas do tempo e do desposuimento para elaborar unha arqueoloxía do perdido. Sen esquecer o social, é esta unha proposta ecoante e firme, un traballo persoal sobre a ruína, na que o baleiro é tanto o novo espazo, que carece ou oculta a densidade histórica, coma o sentimento de perda.

NARRATIVA

Antón Lopo, Extraordinario (Editorial Galaxia, 2018)

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é image-2.png

Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961) é poeta, narrador e xornalista. Cunha labor continuada e visible no eido do xornalismo cultural, foi coordinador do suplemento “Revista das Letras” de El Correo Gallego e da sección “Maré” do xornal Galicia Hoxe. Narrador recoñecido, desde As reliquias (Editorial Xerais, 1991), publica obras tan icónicas coma Ganga (Editorial Xerais, 2001) ou Obediencia (Editorial Galaxia, 2010), Premio García Barros. Como poeta, deuse a coñecer con Sucios e desexados (Sotelo Blanco, 1988), Pronomes (Espiral Maior, 1998) ou Fálame (Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 2004), e publicou recentemente Corpo (Xerais, 2018), gañador do Premio Manuel Lueiro Rey. Artista de vocación interdisciplinar, que cristalizou en diversas performances, foi cofundador da editora, libraría e espazo de creación Chan da Pólvora, e coordina actualmente o festival “Alguén que respira!” en Santiago de Compostela. Extraordinario (Editorial Galaxia, 2018), a súa última novela, alzouse co Premio Narrativa Breve Repsol.

Extraordinario, novela que se alzou co Premio Narrativa Breve Repsol, estrutúrase en noventa notas de desigual extensión que o protagonista, separado desde hai décadas do núcleo familiar, escribe en primeira persoa cando regresa para coidar de súa nai, hospitalizada. De grande riqueza temática, a novela soborda con moito os coidados e o complexo urdido das relacións interpersoais para internarse na conformación mesma da identidade. Na obra reaparece o persoal caudal léxico do autor, o seu habitual dominio do ritmo e da sintaxe, así como un humor e ironía capaces de turbar ou conmover. A voz do narrador protagonista ofrece un retrato descarnado dalgunhas personaxes, ao tempo que estetiza parodicamente escenas do pasado. Amena e fluída, a obra referenda o oficio literario dun autor poliédrico.